Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 27 Xullo 2026.

12 meses de sensibilización en prol da igualdade nos coidados desde a corresponsabilidade: mes de febreiro

    Segunda entrega da campaña de sensibilización do Gabinete de Igualdade de CCOO de Galicia

    23/02/2026.
    Segunda entrega da campaña pola corresponsabilidade.

    Segunda entrega da campaña pola corresponsabilidade.

    Dado que a desigualdade se perpetúa, principalmente, por falta de corresponsabilidade nos coidados e tarefas domésticas, nesta e nas vindeiras entregas da campaña queremos centrarnos nos principais dereitos vixentes no Estatuto das Persoas Traballadoras (en diante, ET) en materia de conciliación, facendo fincapé na súa natureza «individual e intransferible».

    Estes dereitos, cuxa finalidade é promover a conciliación real da vida familiar e laboral mediante o compromiso dos homes e da sociedade (empresas) coa corresponsabilidade familiar, nacen das últimas modificacións do ET, desenvolvidas en varias regulacións su­cesivas (Real decreto lei 5/2023 e Real decreto lei 2/2024).

    Ambos os decretos traspoñen en España a Directiva 2019/1158 do Parlamento Europeo e do Consello, de 20 de xuño de 2019, relativa á conciliación da vida familiar e a vida profesional de proxenitores e persoas coidadoras.

    Así, tras a modificación referida polo RD 5/2023, no ET recóllense varios artigos que aco­meten os dereitos de conciliación desde unha perspectiva corresponsable.

    A continuación reproducimos algúns exemplos:

    Estatuto das Persoas Traballadoras

    Artigo 4: Dereitos laborais

    2. Na relación de traballo, as persoas traballadoras teñen dereito:

    [...]

    c) A non ser discriminadas directa ou indirectamente para o emprego ou, unha vez em­pregadas, por razóns de [...] sexo, incluído o trato desfavorable dispensado a mulleres ou homes polo exercicio dos dereitos de conciliación ou corresponsabilidade da vida familiar e laboral.

    Artigo 34: Xornada

    Apartado 8:

    As persoas traballadoras teñen dereito a solicitar as adaptacións da duración e distribu­ción da xornada de traballo, na ordenación do tempo de traballo e na forma de presta­ción, incluída a prestación do seu traballo a distancia, para facer efectivo o seu dereito á conciliación da vida familiar e laboral. Esas adaptacións deberán ser razoables e propor­cionadas en relación coas necesidades da persoa traballadora e coas necesidades orga­nizativas ou produtivas da empresa.

    No caso de teren fillos ou fillas, as persoas traballadoras teñen dereito a efectuar a dita solicitude ata que os fillos ou fillas cumpran doce anos.

    Así mesmo, terán ese dereito aquelas que teñan necesidades de coidado respecto dos fillos e fillas maiores de doce anos, o cónxuxe ou parella de feito, familiares por consan­guinidade ata o segundo grao da persoa traballadora, así como doutras persoas depen­dentes cando, neste último caso, convivan no mesmo domicilio, e que por razóns de idade, accidente ou enfermidade non poidan valerse en por si, debendo xustificar as cir­cunstancias en que fundamenta a súa petición.

    Na negociación colectiva poderanse establecer, con respecto ao disposto neste apartado, os termos do seu exercicio, que se acomodarán a criterios e sistemas que garantan a ausencia de discriminación, tanto directa como indirecta, entre persoas traballadoras dun e doutro sexo.

    (...)

    Artigo 37: Descanso semanal, festas e permisos

    Apartado 3:

    «3. A persoa traballadora, logo do aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguintes [...]:

    b) Cinco días por accidente ou enfermidade graves, hospitalización ou intervención cirúr­xica sen hospitalización que precise repouso domiciliario do cónxuxe, parella de feito ou parentes ata o segundo grao por consanguinidade ou afinidade, incluído o familiar con­sanguíneo da parella de feito, así como de calquera outra persoa distinta das anteriores, que conviva coa persoa traballadora no mesmo domicilio e que requira o coidado efec­tivo daquela.

    b bis) Dous días polo falecemento do cónxuxe, parella de feito ou parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. [...].»

    Apartado 4:

    «4. Nos supostos de nacemento, adopción, garda con fins de adopción ou acollemento, de acordo co artigo 45.1.d, as persoas traballadoras terán dereito a unha hora de ausen­cia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións, para o coidado do lactante ata que este cumpra nove meses. [...]

    A redución de xornada recollida neste apartado constitúe un dereito individual das per­soas traballadoras sen que poida transferirse o seu exercicio á outra persoa proxenitora, adoptante, gardadora ou acolledora. [...]

    Cando ambas as persoas proxenitoras, adoptantes, gardadoras ou acolledoras exerzan este dereito coa mesma duración e réxime, o período de gozo poderá estenderse ata que o lactante cumpra doce meses, con redución proporcional do salario a partir do cumpri­mento dos nove meses».

    As reducións de xornada recollidas neste apartado constitúen un dereito individual dos traballadores, homes ou mulleres.

    No exercicio deste dereito terase en conta o fomento da corresponsabilidade entre mu­lleres e homes e, así mesmo, evitar a perpetuación de roles e estereotipos de xénero».